O Celta Fortuna quere rencontrarse co triunfo mañá contra o Valladolid
Visita Balaídos (18:30h) un rival que mellorou desde o inicio da Liga
En Balaídos xoga mañá o filial celeste. E encoméndase a que este partido na casa ante o Valladolid os volva levar polo camiño das vitorias.
O Valladolid, no medio da táboa, só gañou un partido fóra. E o Fortuna, que fixo o último adestramento esta mañá baixo a choiva, só venceu un encontro dos últimos dez. Así que os de Fredi, igualados a puntos co Albacete, que marca o descenso, comezan a ter necesidade de sumar... mesmo sabendo das dificultades coas que contan.
Así falaba Fredi na previa: "Hai que recoñecer que o último partido rematamos con catro xuvenís no campo. Na Segunda División, os xuvenís levan preto de 900 minutos. Cando un xogador erra hai que intentar darlle confianza. Non podemos matar a ninguén por un erro. Outra cousa é que se repitan, porque un xogador que erre varias veces vaille custar ter minutos".
Sobre o Valladolid: "É un equipo que non empezou tan ben como o está a facer agora, vai ser un rival difícil"
E tamén se referiu ao trato arbitral: "Os xogadores notan que dentro do terrreo de xogo, á hora de falar cos árbitros, o trato é diferente. Mesmo a nós, os técnicos", concluíu.