O C.D. Lugo asalta o liderado da Primeira Federación ao derrotar á U.D. Logroñés (3-1)
O Lugo adiantouse aos 8 minutos cun gol de Chiqui, que repetiu antes do descanso
A U.D. Logroñés recortou a diferenza antes do descanso
Godoy, de penalti, fixo o 3-1
Houbo dúas expulsións no partido: Álex Costa no C.D. Lugo e Manu Pedreño na U.D. Logroñés
O Lugo é o novo líder da Primeira Federación. O equipo de Borja Fernández superou no Anxo Carro á Unión Deportiva Logroñés e queda como o único invicto da categoría. O duelo entre líderes foi para os lugueses, que asinan un espectacular inicio de temporada.
A primeira ocasión para os albivermellos chegou aos cinco minutos cunha boa combinación do ataque lugués que Mo Dauda estivo a piques de converter en gol. Era o primeiro aviso, porque tan só tres minutos despois chegaba o 1-0. Un pase espectacular do mexicano Arturo Palma permitiulle a Chiqui gañarlle as costas a toda a defensa e cun só toque levou o balón ao fondo da portería do Logroñés.
Tentou responder o Logroñés e Miguelete puxo a proba a Marc Martínez cunha falta perigosa na frontal, pero o gardameta do Lugo foi quen de conxurar o perigo. O equipo rioxano quedou con dez xogadores no minuto 18 tras a expulsión do seu central, Manu Pedreño, por un agarrón a Álex Costa cando marchaba só cara a portería.
A superioridade numérica permitiulle ao cadro de Borja Fernández converterse en protagonista do encontro. Mo Dauda puido facer o segundo no minuto 37 cun disparo que obrigou a Fermín a facer un paradón. Pero nada puido facer o porteiro da U.D. Logroñés un minuto despois ante o remate cruzado de Chiqui que establecía o 2-0. O ex-xogador do Pontevedra asinou un partidazo.
Xusto antes do descanso recortaba distancias o equipo rioxano. Miguelete executaba unha falta dende a frontal e Anai Morales aproveitaba o rexeitamento de Marc Martínez para facer o 2-1. E no minuto seguinte Álex Costa era expulsado por empurrar a Bolo. Igualábanse as forzas.
A segunda metade estivo marcada polas precaucións dos dous equipos. As primeiras oportunidades volveron ser dos albivermellos aínda que de saída o dominio correspondíalles aos rioxanos. Foi a calidade individual de Arturo Palma quen acabou desequilibrando. O mexicano marchou pola liña de fondo e Sergio Camacho só o puido parar facéndolle falta dentro da área. Alan Godoy foi o encargado de executar a pena máxima e establecer o 3-1.
O Lugo pasou a controlar o partido e mesmo dispuxo de ocasións para aumentar a renda. Non foi quen de concretar e tocoulle sufrir nos últimos minutos ante os rioxanos, que quixeron demostrar por que non coñecían a derrota ata esta xornada. Non houbo máis goles e o Lugo despediu as festas de San Froilán do mellor xeito posible: cunha vitoria convincente que o coloca no máis alto da táboa.