Publicador de contidos

Publicador de contidos

O alcalde de Pontevedra optará a un oitavo mandato en 2027 "porque non está todo feito"

O alcalde de Pontevedra optará a un oitavo mandato en 2027 "porque non está todo feito"

A asemblea local do BNG ratificou por unanimidade e aclamación a súa candidatura como rexedor, cargo que ocupa desde 1999

"Queremos dar un novo salto adiante porque non está todo feito", explicou Miguel Anxo Fernández Lores 

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra. TVG.
G24.gal 08/05/2026 15:17

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), optará a un oitavo mandato nas eleccións municipais que se celebrarán en 2027.

A asemblea local do BNG ratificou a súa candidatura por unanimidade e aclamación.

"Queremos dar un novo salto adiante porque non está todo feito", explicou Fernández Lores, alcalde de Pontevedra desde 1999, nunha comparecencia de prensa, celebrada este venres, na que engadiu que Pontevedra "non ten teito" e debe ser capaz de "ir sempre un paso por diante".

"A por todas, Pontevedra", lema da súa candidatura 

O rexedor pontevedrés, que se presentará á reelección baixo o lema 'A por todas, Pontevedra', pediu o apoio dos cidadáns para que o modelo urbano do BNG chegue "a absolutamente todos os recunchos" do municipio.

Tras lembrar que hai catro anos comprometérase cun proxecto "a unha década vista", Lores asegurou que neste mandato fíxose un traballo "máis duro, complexo, complicado e escuro" para poder "recoller os froitos no futuro".

Entre estas tramitacións, o alcalde citou a renaturalización do río Gafeños, as humanizacións previstas nos barrios de Monte Porreiro, A Parda, Mollavao ou A Seca ou a proposta para desenvolver a Avenida de Compostela e integrala no campus.

O modelo Pontevedra é "desexado internacionalmente"

Ademais, subliñou que Pontevedra "é unha cidade que crece cun modelo desexado internacionalmente", polo que se mostrou convencido de que "estamos no camiño correcto".

O candidato do BNG afirmou que o resto de persoas que lle acompañarán na lista nacionalista está aínda por decidir, aínda que indicou que haberá renovacións "sen desaproveitar o coñecemento sénior" dos seus edís máis veteranos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade