A crise migratoria en Ceuta marca o inicio do curso político
Pedro Sánchez: "Os que teñan dereito a asilo, terano, e os que non, serán devoltos"
O líder do PP cre que instalar carpas no porto de Ceuta é "unha gran irresponsabilidade"
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, retomou este luns o curso político reuníndose con deputados e senadores do PSOE. Ante os seus, asegurou que a súa prioridade na recta final desta lexislatura é a crise migratoria que se vive en Ceuta.
O líder do executivo amosouse convencido de que "Ceuta non so recuperará axiña a normalidade, senón que sairá reforzada grazas á acción do Goberno de España".
Pero sobre o terreo os ánimos están caldeados. Veciños, empresarios e políticos piden medidas contundentes do Goberno central. O presidente da cidade autónoma, Juan Jesús Vivas, reclama que Pedro Sánchez "concrete a data en que Ceuta vai volver á normalidade".
A instalación de carpas para acoller inmigrantes no porto da cidade avivou as protestas veciñais. O asentamento está ao lado do Banco de Alimentos e os seus responsables temen roubos e saqueos.
O Partido Popular tamén critica a medida. Para Alberto Núñez Feijóo, "ubicar máis de mil inmigrantes nun porto, a poucos metros dos barcos que trasladan pasaxeiros ao continente, é unha grande iresponsabilidade".
Incluso socios do Goberno cren estas carpas chegan tarde. Segundo Pablo Fernández, voceiro de Podemos, a medida "estaría ben como algo de urxencia nos primeiros días, pero, corenta días despois, o único que vale de verdade é dar unha solución definitiva".
Pero o Goberno pide tempo, hai que analizar caso por caso. "Os que teñan dereito a asilo terano e os que non serán devoltos", asegurou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
O Goberno desclasificará este martes os informes relativos á entrada masiva de inmigrantes en Ceuta rexistrada a finais de xullo.