Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro pide aprender do pasado e respectar a presunción de inocencia

Besteiro pide aprender do pasado e respectar a presunción de inocencia

Lembra que as acusacións do 2015 contra el quedaron arquivadas e a xuíza, apartada por dilacións indebidas

O secretario xeral do PSdeG anima a "saír á rúa" para lograr "máis alcaldías ca nunca" nas eleccións do 2027

O líder socialista contrapón os resultados das políticas progresistas do Goberno coa "parálise" da Xunta de Rueda

Besteiro no comité nacional do partido. EFE/Xoán Rey Besteiro no comité nacional do partido. EFE/Xoán Rey
G24.gal 04/07/2026 12:34 Última actualización 04/07/2026 14:01

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou este sábado o seu pasado xudicial para pedirlle á militancia socialista que sexa "respectuosa" coas persoas sinaladas e coa "presunción de inocencia" ante o que cualificou de "operacións político-xudiciais".

O líder dos socialistas galegos iniciou o seu discurso ante o Comité Nacional do PSdeG lembrando que hai xusto 11 anos (o 3 de xullo de 2015) recolleu o auto xudicial que o imputaba de varios delitos.

Estas acusacións quedaron arquivadas e a xuíza que instruía a causa foi apartada por dilacións indebidas. Por esta razón, incidiu en que se debe "ser respectuoso cos sinalados e coa presunción de inocencia".

"Creo que daquilo podemos aprender moito e debemos aprender moito".

Segundo dixo, "detrás de todo aquilo había insinuacións e as influencias do PP", como agora "a través de denuncias de persoas interpostas", pero con eles "sempre detrás do operativo".

Ao seu parecer, negar que o que se está a vivir nestes momentos son "operacións político-xudiciais" sería unha "inxenuidade" ou "estar a outras cousas".  

Besteiro defendeu que a resposta do PSOE ante a corrupción se resume en tres palabras: "contundencia, limpeza e desculpas". Por iso, sostivo que marcar as diferenzas co PP "non significa aplicar o tan deostado e ti máis".

"A obriga dos socialistas é presentar aos cidadáns o noso modelo fronte a outro modelo", manifestou.

Logros do Goberno progresista

Neste sentido, contrapuxo os resultados das políticas progresistas do Goberno coa "parálise" da Xunta de Alfonso Rueda. Defendeu os 11.614 millóns de financiamento autonómico deste ano, cifra récord e un 40% máis do que achegaba o Estado na etapa Rajoy.

Tamén, os 4.000 millóns do Plan de Recuperación; os 1.000 millóns do Perte industrial; un 73% máis de prazas MIR desde 2018 e un 126% máis en Atención Primaria.

Do mesmo xeito, puxo en valor os "420 millóns de aforro nas peaxes da AP-9" e "os máis de 400 euros de suba na pensión media galega".

"Non o vexamos como unha herdanza. Son o aval e o pegamento que nos une á maioría social", indicou.

Eleccións municipais

Ademais, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, animou a toda a comunidade socialista a "saír á rúa", con "decisión e compromiso", para "gañar" e lograr "ter máis alcaldías ca nunca" nas vindeiras eleccións municipais de 2027.

Besteiro felicitou as persoas candidatas xa proclamadas e puxo en valor as primarias na cidade de Ferrol. Segundo dixo, o PSOE celebra os seus procesos internos para a elección de alcaldables.

Ao seu parecer, trátase dunha "batalla bonita", "pensando na xente que non forma parte do partido", co obxectivo de elixir aos "mellores candidatos e candidatas" para "solucionar os problemas" da cidadanía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade