Publicador de contidos

Publicador de contidos

PSOE, BNG e Sumar pactan no Congreso transferir a titularidade da AP-9

PSOE, BNG e Sumar pactan no Congreso transferir a titularidade da AP-9

O texto inclúe que se transfira tamén a xestión da vía, na liña do que pide o Parlamento galego

O pacto substanciarase este martes no Congreso a través das emendas transaccionais que elevarán á comisión do relatorio que debate a transferencia

Rueda pide que o acordo respecte os termos do acordado no Parlamento e haxa o suficiente financiamento

O Supremo avala que o Goberno non faga público o expediente da CE sobre a AP-9

TVG TVG
G24.gal 25/05/2026 11:42 Última actualización 25/05/2026 15:17

PSOE, BNG e Sumar alcanzaron este luns un principio de acordo ao pactar un texto para que se transfiran a Galicia a xestión e titularidade da AP-9, en consonancia cunha petición unánime e insistente do Parlamento de Galicia.

Segundo anunciaron representantes das devanditas formacións, o pacto substanciarase este martes no Congreso a través das emendas transaccionais que elevarán á comisión do relatorio que debate a transferencia.

Pese ao principio de acordo, a proposta debe ser aprobada de forma definitiva no Congreso e, posteriormente, negociarse o traspaso na Comisión Mixta de Transferencias, onde están representados o Goberno central e o Executivo autonómico.

O deputado do BNG na Cámara Baixa, Néstor Rego, considerou que este acordo previo supón, con todo, "un paso moi importante" porque implica "que se transfiren a titularidade e todas as competencias”.

O nacionalista puxo en valor en declaracións á prensa que, ademais, se respecta “fundamentalmente” o texto que emanou do Parlamento galego e que implica “a transferencia de titularidade e todas as competencias da AP-9 á Administración”, así como que o Estado “asuma todas as consecuencias económicas” das decisións tomadas sobre a vía.

Isto significaría que o Goberno central seguiría asumindo o custo das bonificacións das peaxes ata que se poña fin á concesión que en principio conclúe no 2048, aínda que está a ser analizada polas administracións europeas.

En todo caso, desde o BNG insisten en que será necesario seguir traballando para que a autoestrada que atravesa Galicia sexa “libre de peaxes” e acabar así coa “discriminación e a inxustiza” que representa que os galegos e as empresas teñan que facer pago a unhas peaxes que xa deberían ser canceladas mediante a fin da concesión.

“Unha AP-9 libre de peaxes segue sendo o noso obxectivo”, subliñou Rego.

Desde Ferrol, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, remarcou que as negociacións entre as formacións permitiron que se vaia transferir a titularidade da autoestrada á Comunidade, así como as competencias sobre o réxime xurídico da concesión e os servizos.

Aínda que sen achegar detalles ao respecto, emprazou a "discutir a consecución da gratuidade" no marco deste debate parlamentario.

Nun almorzo informativo do Club de Prensa de Ferrol, avogou, dentro da análise sobre "como se transfire" a vía, por conseguir o que, ao seu xuízo, é o "obxectivo prioritario", en referencia clara á retirada de peaxes.

"Estamos moito máis cerca que onde o deixou o PP cando gobernaba, cando a AP-9 era a máis cara de España; coas bonificacións do 75 % non é suficiente, pero é máis do que recibimos", dixo.

O presidente da Xunta e do PPdeGalicia, Alfonso Rueda, advertiu que o seu partido só apoiará o principio de acordo alcanzado por PSOE, Sumar e BNG para a transferencia da AP-9 a Galicia se cumpre as condicións aprobadas polo Parlamento galego e se garante un "financiamento" suficiente.

"Por tanto, veremos", dixo ao ser preguntado se o PP está disposto a apoiar este acordo, do que aínda "hai que ver os termos", insistiu, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta deste luns.

Para Rueda é imprescindible saber se este suposto desbloqueo da transferencia da autoestrada a Galicia faise "nos termos" acordados e aprobados por unanimidade no Parlamento autonómico. "Mentres non se cumpran ese acordo de transferencia non se pode aceptar porque está incompleto", advertiu.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade