Seis mortos, tres deles nenos, nunha praia de Rusia pola derruba dun dron ucraíno
As alarmas antiaéreas non se activaron e o ataque colleu por sorpresa a centos de familias, provocando ademáis das vítimas mortais medio cento de feridos
Explosión do dron na praia rusa de Arjipki. Fra
A explosión nunha praia do sur de Rusia dun dron ucraíno derrubado polas defensas antiaéreas da Federación deixou este luns seis mortos, tres deles nenos, e medio centenar de feridos.
As alarmas antiaéreas non se activaron, polo que o ataque colleu desprevidas a centos de familias xunto ao mar en pleno verán, segundo informou a prensa independente.
Traxedia nunha praia moi concorrida
A traxedia tivo lugar na praia de Arjipki, no distrito de Guelendzhik (rexión de Krasnodar), onde os veraneantes aproveitaban o bo tempo para tomar o sol e bañarse nas augas do mar Negro.
"Lamentablemente o número de mortos na localidade de Arjipo-Ósipovka ascendeu a seis persoas, tres deles nenos", informou o gobernador de Krasnodar, Veniamin Kondrátiev, na aplicación de mensaxería Telegram.
Outras 47 persoas resultaron ademais feridas, segundo datos preliminares, das que 17 tiveron que ser ingresadas en hospitais da zona.
Nas imaxes publicadas polas canles de Telegram pódese ver como o aparello non tripulado comeza a caer en picado e estrélase contra a praia, provocando unha explosión e unha onda expansiva na area, onde descansaban decenas de persoas.
A explosión foi gravada nos seus teléfonos por alarmados bañistas que se atopaban na praia, onde decenas de persoas decidiron abandonar con urxencia a auga e buscar refuxio en previsión de novos ataques.
"Tratouse dun ataque contra a infraestrutura civil. No lugar traballan os servizos de emerxencias", sostivo Kondrátiev.
Catro mortos noutro ataque nocturno
Anteriormente, o líder da anexionada península de Crimea, Serguéi Axiónov, xa informou da morte doutros catro civís nun ataque nocturno ucraíno.
A portavoz do Ministerio de Exteriores de Rusia, María Zajárova, denunciou en declaracións á axencia local de noticias TASS que "no centro de Europa opera unha banda terrorista que ocupou o aparello estatal de Ucraína".
"Os patrocinadores do terrorismo son os países da OTAN. Non fai moito, a OTAN e a Unión Europea declaraban a tolerancia cero ao terrorismo. Agora, eles mesmos son parte das accións do terrorismo internacional", sinalou.
Segundo algúns medios, o obxectivo do ataque ucraíno era, en realidade, un hotel de descanso para os especialistas e enxeñeiros dunha empresa da industria militar rusa.
Zelenski quere que Rusia pare os ataques ante do inverno
O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, asegurou este luns nunha reunión con embaixadores en Kiev que o seu obxectivo é facer que Rusia deteña os combates antes da chegada do cru inverno.
O método elixido, os ataques con drons contra a retagarda rusa, busca que Moscova non teña outra alternativa que a paz debido ao alto custo da guerra, sinalou, segundo medios locais.
Zelenski denunciou que o presidente ruso, Vladímir Putin, ten a intención de prolongar a coñecida como operación militar especial, para o que se propón decretar unha segunda mobilización tras as eleccións lexislativas de setembro.