A Xunta pide unha comisión bilateral co Goberno para "resolver as diferenzas" sobre a lei da AP-9
O futuro da AP-9, pendente da comisión Xunta-Estado
Rueda espera conseguir en setembro a transferencia a Galicia dos permisos de traballo
A Xunta acordou reclamar ao Gobierno central unha comisión bilateral previa á Comisión Mixta de Transferencias na que deben negociar o traspaso da AP-9, tras as publicación o pasado venres da lei orgánica correspondente no Boletín Oficial de Estado (BOE).
Segundo lamentou o presidente galego, Alfonso Rueda, este luns, na conferencia de prensa tras o Consello da Xunta, trátase de "definir o marco para esa negociación" dado que a lei orgánica inclúe "modificacións substanciais" con respecto á proposta aprobada polo Parlamento galego que supoñen "rebaixar e diluír os compromisos económicos do Goberno" para a transferencia.
As condicións establecidas pola lei orgánica para a transferencia da titularidade e competencias da Autoestrada do Atlántico (AP-9) do Estado a Galicia, aprobada a semana pasada no pleno do Congreso, contempla unhas condicións "inaceptables" para Galicia, insistiu Rueda.
Para a Xunta, con esas condicións a transferencia resultaría "prexudicial" para os intereses de Galicia, polo que Rueda insistiu en que "non se pode facer a calquera prezo" e hai que garantir que "os contribuíntes galegos non teñen que pagar" polas decisións adoptadas polos sucesivos Executivos centrais "de todo tipo" con respecto a esta autoestrada de peaxe, incidiu.
Así que o Goberno galego solicita unha reunión da Comisión bilateral Estado-Xunta para "discutir" sobre os cambios introducidos pola lei e intentar "clarificar e resolver as diferenzas" antes do inicio da negociación da transferencia, que se realizará na comisión mixta.
Permisos de traballo para estranxeiros
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, espera poder conseguir en setembro a transferencia a Galicia da autorización inicial de permisos de traballo para estranxeiros, unha competencia que está a negociar co Estado desde o ano pasado.
De feito, o Ministerio de Política Territorial tiña previsto remitir en xullo á Xunta a súa nova proposta de memoria económica para a transferencia das funcións e servizos en materia de autorizacións iniciais de traballo por conta propia ou allea das persoas estranxeiras.
Rueda dixo que é "optimista" sobre esta transferencia dunha competencia que cre que "sería moi adecuado" que puidese xestionar Galicia e "máis nestes momentos", xa que considera que a comunidade sería máis áxil e eficiente que o Goberno para dar os permisos de traballo aos estranxeiros.