As queimas prescritas, unha ferramenta planificada para loitar contra os incendios
Dentro do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais, un dos traballos máis importantes son as queimas prescritas, lume programado, baixo unhas condicións moi rigorosas, polo persoal de extinción
Este ano realizaranse queimas controladas en 244 parcelas das catro provincias, case unhas 2.000 hectáreas de terreo en total, máis superficie ca o ano pasado
O monte do Seixo, na serra do Cando, é unha das oficinas dos axentes ambientais do distrito Deza-Tabeirós, o número XVI de Galicia. A terra queimada que vemos hoxe é froito dunha queima prescrita, e polo tanto planificada desde o coñecemento. Aquí estiveron os axentes cos seus queimadores en marzo, pero hoxe a vida verde volve agromar.
Unha queima técnica, prescrita, non é un lume que estrague a terra e os seus nutrientes. É unha ferramenta de coidado dos montes e da loita contra os incendios. Paralelamente outros equipos ambientais traballan nos outros tres distritos de Pontevedra planificando e levando a cabo as súas propias queimas.
"Hai moito traballo de campo, vimos visitar a zona, valoramos o que se ten que queimar e o que non, realízanse parcelas para facer unidades de queima máis pequenas. Queremos queimar pero dentro dunhas condicións meteorolóxicas que nos deixen coidar o chan, sobretodo, que non veñan problemas logo de erosión, que non teñamos problemas coa terra e que non aparezan escorrentías. Que sexa ecoloxicamente beneficioso", conta Fátima Fernández Lamas, a xefa do Distrito XVI Deza Tabeirós.
"Por iso se chaman queimas prescritas, porque se fan baixo unha prescripción técnica. Fíxanse uns parámetros moi estritos e moi meticulosos para que non se dane o chan, para que a súa vexetación poida seguir existindo. Esa é a diferenza. É unha ferramenta. Ao final nós usamos unha ferramena de xestión, que é o lume, pero o que non estamos a facer son pequenos incendios. Os incendios provocan moito mal na chan, na vexetación e no territorio", engade Félix Perez de la Fuente, un dos axentes ambientais do Distrito XVI Deza Tabeirós.
As casas do lugar de Cernadelo ou Fontegrande, na parroquia de Santa Mariña de Presqueiras están protexidas hoxe dos lumes que poden vir mañá, grazas ás queimas prescritas. Prescritas coma un medicameto por quen sabe e ten coñecementos técnicos.