Apuran os traballos de mellora de pistas e drenaxe de augas nos montes queimados de Laza
Prevese a actuación sobre 14 quilómetros de pistas e a instalación dun cento de canles de drenaxe das augas pluviais
Actúase sobre 850 hectáreas, correspondentes a oito comunidades de montes veciñais de Laza e Castrelo do Val que teñen o monte conveniado coa Consellería do Medio Rural
O Ministerio de Transición Ecolóxica financia a recuperación de montes queimados na provincia de Ourense, a través de 12 proxectos planificados e dirixidos polos técnicos do Servizo de Montes da Xunta
26.000 hectáreas arrasou o incendio que comezou en Oímbra e chegou ata Laza. Máis dun ano despois, aínda se está retirando a madeira queimada. Un labor paralelo á mellora dos accesos e das conducións de auga. Nesta zona prevese a instalación dun cento de drenaxes e o arranxo de 14 quilómetros de pistas.
"Actuamos sobre os terreos de oito comunidades de montes veciñais en man común, de cinco parroquias do concello de Laza e de tres de Castrelo do Val. En total é unha superficie de actuación de 850 hectáreas", sinala Pablo Rodríguez Vázquez, xefe provincial do Servizo de Montes de Ourense.
O Goberno central financia as obras e Medio Rural planifica e dirixe os traballos. Son 12 proxectos en toda a provincia, centrados na protección das zonas queimadas.
"O obxectivo é dotar os montes dos mecanismos de prevención necesarios, para evitar os procesos erosivos asociados aos grandes incendios", di o xefe de Montes de Ourense.
A fase final será a reforestación. Aí, a ordenación do monte debe pensarse para facerlles fronte aos incendios do futuro. "É o momento de sentármonos todos, cousa que coido que chegamos tarde, pero temos que andar con tempo e facer unha ordenación, poñendo branco sobre negro. Antes tiñamos a escusa de que había árbores, que estaban aí, pero agora é o momento de facer un proxecto novo", asegura José Ramón Barreal, alcalde de Laza, municipio onde o verán de 2025 arderon 3.000 hectáreas, a maioría con plantacións de piñeiro.
O prazo de execución destes traballos remata a mediados de novembro. Por agora non chove, así que hai aínda marxe para evitar que a auga agrave as feridas abertas polo lume.