Un incendio moi virulento, avivado polo vento, avanza polo concello de Vimianzo
O lume comezou en Camariñas, na zona das Barrosas, na Ponte do Porto, pero avanzou cara o concello veciño
Dúas vivendas estiveron en perigo, pero os equipos que traballan na zona conseguiron salvalas
Noite complicada no concello de Vimianzo. Un incendio que comezou en Camariñas, na zona das Barrosas, acabou estendéndose esta noite cara o municipio veciño. As fortes ventadas do nordés levaron as lapas cara Cures, en As Pereiras, poñendo en risco dúas vivendas. Vivíronse momentos de moita tensión, pero finalmente o amplo operativo que está traballando na zona fixo un cortalumes e conseguiu salvalas.
Agora, as lapas avanzan polo monte. Non hai máis vivendas en perigo, de momento, pero a alcaldesa, Mónica Rodríguez, teme que o incendio avance agora cara a parroquia de Carnés.
Aquí pegado ás casas, hai media horiña, estaba a cousa moi fea, pero os medios conseguiron controlar as lapas pero hai unhas ventadas que non axudan nada. Hai bastantes medios traballando e a ver se entre todos o poden controlar, dicía a rexedora en declaracións á Radio Galega.
É un lume moi virulento que se propaga agora por unha zona de monte. As lapas poden verse, agora de noite, dende toda a contorna.