Un incendio nunha granxa de Ponteceso arrasa cun invernadoiro e con 700 quilos de herba seca
Non houbo danos persoais e as 130 vacas da explotación lograron salvarse
Os propietarios tratan de recuperarse do susto que levaron
O propietario da granxa de vacas Río Paz, en Ponteceso, gardaba arredor de 700 quilos de herba seca nun invernadoiro de plástico. As lapas orixinadas contra as oito e media da tarde deste martes, arrasaron con todo.
"A causa foi a fermentación das alpacas. Habería algunha verde e pasou o que pasou", explica Rafa Vérez García, un dos propietarios da granxa.
Sen perder un intre, Rafa alertou ao 112 que, á súa vez, mobilizou varios equipos de emerxencias tanto de Ponteceso como de Carballo. Estiveron traballando arreo máis de seis horas ata sufocar as lapas. Porén malia a aparatosidade do incendio, non houbo danos persoais nin tampouco resultaron danadas as 130 vacas que hai na gandería.
"Se chega a saltar ao tellado... rapidamente prende na granxa. Pero non pasou nada. Os equipos de emerxencias chegaron moi rápido, catro camións. E colaboraron tamén moito os veciños, con oito tractores", engade Rafa Vérez.
Tras pasar a noite en vela, agora tratan de recuperarse do gran susto que levaron.