Piden 10 anos de cadea para os dous acusados polo incendio da Chavasqueira
O xuízo comezou este mércores e os procesados son un exempregado que fora despedido e un amigo seu
As lapas destruíron as instalacións termais en 2019 e o complexo foi reaberto hai unha semana
Os dous acusados de provocar o incendio nas termas da Chavasqueira, un deles exempregado do centro e o outro un amigo deste, continúan defendendo a súa inocencia durante o primeiro día de xuízo celebrado este mércores na Audiencia Provincial de Ourense, e que continuará este xoves.
En concreto, ambos acusados foron detidos en outubro de 2020 por un suposto delito de incendio con perigo para a vida e a integridade física das persoas. Mentres que Fiscalía e defensa piden sentenza absolutoria, a letrada da acusación solicita unha pena de 10 anos de prisión.
Un deles, empregado das termas ata recibir un "despedimento improcedente" no ano 2019, segundo alega, mantivo que no momento dos feitos atopábase na casa e en comunicación a través de WhatsApp con outra das empregadas do centro. Un relato que manifestou tamén o segundo acusado, quen engadiu que coñeceu os feitos durante a mañá seguinte tras recibir un whatsapp.
Con todo, segundo ratificou un dos policías que participou na instrución do atestado, chamado a testificar, nunha "manifestación espontánea", este acusado alegou "dubidar da inocencia" do seu compañeiro (empregado das termas) despois de que este lle confesase que, de pequeno, provocara un lume na vivenda dun veciño co que o seu pai mantiña rifas.
Nesta liña, o policía manifestou, ademais, que una das compañeiras de traballo do acusado (que testificará este xoves), declarou durante a instrución que, tras un roubo nas instalacións, o seu compañeiro dixera que "se quixese facer dano de verdade prendería lume ao recinto, e punto".
Segundo o relatado por dous axentes de policía que interviñeron na instrución do atestado e un membro da Unidade de Delincuencia Especializada e Violencia da Policía Nacional, chamados a testificar, unha das probas clave parte dunha gravación nunha cámara de seguridade situada a 750 metros das instalacións, nunha Clínica Odontolóxica. En concreto, esta gravación capturou ás 1:05 horas da madrugada do 24 de abril de 2019, no momento no que se produciron os feitos, un vehículo de características similares ao dun dos acusados, circulando en sentido ás termas, así como o seu regreso en sentido contrario á 1:18 horas.
No seu relato, os tres testemuñas alegaron que o vehículo compartía a mesma "marca, modelo, cor, pneumáticos, carrocería, cristais pintados e óptica" que o vehículo do acusado exempregado do centro.
Con todo, o Ministerio Fiscal insistiu en que a gravación "non chegou a capturar a matrícula" do vehículo e incidiu en que, segundo a información solicitada polos axentes á ITV, no ano 2018 existían 77 vehículos en Ourense que compartían esas características, e 81 vehículos no ano 2019.
Así mesmo, foron citados en calidade de testemuñas tres membros da Policía científica que realizaron inspeccións tras o incendio. Todos eles aseguraron que o lume "foi provocado por un humano", ao soster que a inspección concluíu que o lume "non fora fortuíto" nin "ocasionado por un fallo no sistema eléctrico".
Os feitos agora xulgados producíronse na madrugada do 24 de abril de 2019 cando un lume arrasou por completo as instalacións do complexo termal, situado a beiras do río Miño. Despois de recibir o aviso dun dos empregados das instalacións, desprazáronse á zona 12 bombeiros e tres efectivos de reforzo do corpo, con dous vehículos autobomba.
Ao chegar só puideron evitar a súa propagación tras certificar un incendio que estaba totalmente desenvolto en instalacións de madeira. Inicialmente o lume apuntaba a un curtocircuíto, pero finalmente determinouse a súa intencionalidade.