Polbo e marisco para ir de tapas, os bocados preferidos de quen visita Galicia
O cefalópodo triunfa en calquera das súas presentacións
Moitos turistas mesmo arriscan con propostas máis innovadoras, como pode ser un brioche de chuletón ou gambón
Abonda con dar unha volta polas rúas onde se concentran bares e tabernas para confirmar que quen nos visita aprecia a gastronomía galega. Aquí, na Coruña, entre as tapas máis solicitadas...
"Estabamos precisamente mirando a carta, pero croquetas seguro, tortilla seguro e calamares seguro".
A escolla semella difícil, pero tentámolo.
"Chamáronme a atención os chipiróns rebozados porque póñennos enteiros". "As parrochas que tomamos, boísimas". "Estamos hoxe nun día temático de polbo. Probámolo en varios sitios e moi bo, a verdade".
No Bar Gino a súa encargada Ximena Martínez asegura que "o polbo é o que máis sae. Logo a xente pregunta que é o raxo e sae moito tamén". Verónica Pintor, da Taberna La Repica, insiste en que "o que buscan é o polbo. O ano pasado era a paella e este ano é o polbo".
O polbo triunfa en calquera das súas presentacións.
"Aquí o prato estrela é o hot dog de polbo á brasa que colleu sona fai máis de cinco anos e agora hai xente de Madrid e Barcelona que veñen a repetir de novo", explica Eloy Arnejo, de A Nosa Taberna.
Tampouco podía faltar o marisco:
"As zamburiñas, maravilla". "Percebes, cigalas, etc., a verdade é que se come extraordinariamente ben". "O marisco que se nota que é fresco e produto moi bo".
No restaurante A Esquina de Valentina Jacobo Quintana matiza que aínda que "veñen buscando marisco sobre todo, en xeral a xente que vén aquí está aberta a probar o que sexa". Mesmo propostas máis innovadoras como pode ser un brioche de chuletón ou gambón.