Unha liorta entre veciñas dun edificio de Lugo remata cun incendio no patio comunitario
Unha das implicadas guindou pola fiestra obxectos incendiarios e prendeu lume no toldo da terraza de abaixo
O suceso mobilizou bombeiros e Policía Nacional e causou alarma nos residentes
Sucedeu á primeira hora da noite nunha rúa pegada á muralla romana de Lugo, xunto á porta de Bispo Odoario. A conflitiva convivencia entre dúas veciñas do mesmo portal, residentes no primeiro e segundo andar, rematou nun enfrontamento violento.
Tras a liorta, unha das implicadas guindou obxectos ardendo ao patio inferior, que prenderon lume no toldo da terraza e afectaron tamén a dúas bicicletas. A intensa fumareda alarmou os residentes.
"Guindaron algo que estaba ardendo e incendiouse un toldo", conta a encargada dun salón de peiteado canino da zona.
Outro veciño do edificio lindeiro foi alertado pola súa muller, que "viu que se enchía a casa de fume e saíu mirar, sorprendida. "Parece que do piso segundo, do número dous, botaron polo patio obxectos incendiarios ao piso de abaixo. Ela asustouse porque pensou que ía prender lume no noso piso tamén". Ata o lugar desprazouse unha patrulla da Policía Nacional, cuxa comisaría está a poucos metros. Axentes e veciños foron quen de sufocar as lapas antes da chegada dos bombeiros. Os afectados denuncian problemas de convivencia, estragos nos baixos e portais e acumulación de lixo.
"Hai problemas porque non é xente normal", di unha muller maior.
Desta volta escoitaron "discusións, golpes e non era normal ás catro da mañá, non deixan durmir". "Pensei que querían entrar no baixo porque non hai moito tempo que racharon a porta e entraron. A verdade é que tiven medo". Na rúa Vía Romana de Lugo temen que os problemas de convivencia veciñal vaian a máis.