Arden dous coches estacionados nun aparcadoiro público ao aire libre de Monforte
Unha avaría mecánica podería estar detrás do incendio, o coche acababa de saír do taller
O lume afectou outro vehículo que estaba aparcado ao lado e puxo en alerta os veciños do edificio lindeiro
Unha avaría mecánica podería estar detrás do incendio dun coche nun aparcadoiro público de Monforte. O lume afectoulle a outro vehículo e puxo en alerta os veciños do edificio lindeiro. A sorte foi que o aparcadoiro é ao aire libre. Foi unha persoa que pasaba pola rúa o que viu as lapas. O coche ardía pola zona do motor. Achegouse a un comercio para coller un extintor, non conseguiu apagar o lume, pero si atrasar o seu avance.
"Normalmente empezan a arder polo motor, levantaríase un pouco o capó e con ese extintor aplicaríase por riba do motor", explica Tomás Losada, sarxento dos bombeiros de Monforte.
A pesar de actuar rápido, non se evitou que o lume saltara ao coche do lado. A súa dona intentou retiralo do aparcadoiro, pero xa había moitas lapas.
"Saín correndo pero había moitas lapas, dubidei e de repente estoupou", conta Áurea González.
Todo apunta a que un fallo mecánico pode estar detrás do incendio. O coche que ardeu acababa de saír do taller.
"O meu sufriu danos no lateral, ten un burato, o lume entrou dentro", engade a dona do vehículo afectado polo incendio do coche que tiña aparcado ao lado.
O coche que ardeu era un diésel e isto xoga a favor cando se producen estes incendios.
"Se é un coche diésel non tería problema, nos de gasolina pode explotan o tanque e os híbridos e eléctricos son moi difíciles de extinguir", explica o sarxento dos bombeiros.
O incidente xerou alarma na veciñanza. O coche estaba estacionado pegado á parede dun edificio, pero por sorte todo quedou nun susto.