Morren 25 persoas no incendio dun club nun popular destino turístico da India
A principal hipótese é que se produciu despois da explosión dun cilindro de gas no interior da discoteca
Segundo información preliminar, catro das vítimas mortais eran turistas e o resto persoal do establecemento
O xefe do Goberno do estado indio de Goa, Pramod Sawant, cifra en 25 o número de vítimas mortais do incendio que se declarou este domingo de madrugada nun club turístico e ordenou unha investigación xudicial sobre o incidente.
"Estou a analizar detidamente a situación derivada do tráxico incendio en Arpora, no que 25 persoas perderon a vida e 6 resultaron feridas. As seis feridas atópanse estables e reciben a mellor atención médica. Ordenei unha investigación xudicial sobre todo o incidente para determinar a causa e as súas responsabilidades", dixo Sawant nunha mensaxe publicada en X.
En declaracións á axencia india ANI, o propio Sawant, dixo que o lume tardou en extinguirse media hora.
"Algunhas persoas puideron saír correndo, pero outras non. Polo tanto, algunhas persoas morreron asfixiadas. Segundo información preliminar, catro eran turistas e o resto persoal do club", asegurou.
Goa é un popular enclave turístico para visitantes indios e estranxeiros na costa do mar Arábigo. A Policía está a investigar a orixe do lume pero a principal hipótese é que se produciu despois da explosión dun cilindro de gas no interior da discoteca Birch By Romeo Lane.
"Houbo unha conmoción repentina cando as lapas comezaron a propagarse. Saímos correndo do club e vimos que toda a estrutura estaba envolta en chamas", dixo á axencia india PTI unha turista que se atopaba no club no momento do incendio.
O primeiro ministro da India, Narendra Modi, ofreceu este domingo as súas condolencias ás familiares das persoas falecidas e indemnizacións para as persoas máis próximas ás vítimas mortais e para as feridas.
Entrada do club situado no estado de Goa. REUTERS/Ali Monis Naqvi
Destino turístico popular
Goa, caracterizada polas súas praias e polos establecementos hostaleiros, clubs, discotecas e bares xunto ao mar, é un destino turístico popular para turistas locais e para visitantes estranxeiros.
O estado está catalogado como un dos máis seguros da India. Os incendios son habituais no país xa que as infraestruturas non contan coas mellores condicións iniciais de construción.