Arde en Vilagarcía unha vivenda ocupada sinalada como punto de venda de droga
No interior do inmoble non había ninguén no momento do suceso, polo que non hai que lamentar danos persoais
A vivenda xa sufrira outros incendios, pero de menor entidade
Un incendio declarado na mañá deste xoves nunha vivenda ocupada en Vilagarcía de Arousa, nos Duráns, destruíu o inmoble na súa practica totalidade.
A casa, sinalada polos veciños como punto de venda de drogas, xa sufrira outros incendios con anterioridade. Porén, nesta ocasión o lume "orixinado no interior" causou danos importantes e fixeron que o teito do inmoble colapsase.
Efectivos de bombeiros do Salnés sufocaron o incendio e o Servizo Municipal de Emerxencias levou a cabo tarefas de refresco e baleirado da edificación. Dentro da casa, sinalaron fontes municipais, non había ningunha persoa cando chegaron a Policía Nacional e a Policía Local, polo que só houbo que lamentar danos materiais.
O edificio, no número 4 da rúa dos Duráns, quedou totalmente destruído, e a Policía xa contactou co seu propietario para determinar que medidas adoptar, co fin de evitar novas incidencias e garantir a seguridade.
A rápida actuación dos bombeiros impediu que as lapas se estendesen a outras vivendas que, con todo, quedaron afectadas polo fume.