Detido en Tomiño por queimar unha nave, valorada en 150.000 euros, e pór en risco a vida de persoas
O arrestado, con antecedentes penais, foi posto en liberdade con cargos
Estado no que quedou a nave de Tomiño
A Garda Civil detivo un home en Tomiño, de 55 anos de idade, como suposto autor dun incendio nunha nave da localidade, que puxo en risco a vida de persoas.
Os feitos ocorreron, segundo informou o instituto armado, o pasado 6 de marzo, cando este veciño de Tomiño presuntamemte prendeu lume nunha nave, situada preto dunha vivenda que estaba habitada.
Tras a denuncia presentada polo propietario das instalacións, os axentes iniciaron unha investigación que permitiu identificar o suposto autor do lume, procedendo o pasado martes ao seu arresto por un suposto delito de danos.
Todo o que había na nave resultou calcinado
No interior da nave había un vehículo, maquinaria e ferramentas de traballo, como un compresor, amoladoras, motoserras, rozadoras, un cortacéspede ou un trade, todo o cal resultou completamente calcinado e destruído, como sucedeu coa propia nave.
O valor dos danos tanto da nave como todo o seu contido superan os 150.000 euros.
O detido, que ten antecedentes penais, xunto coas dilixencias foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Tui, o cal decretou a súa liberdade con cargos.