A mellor hamburguesa de España faise en Ourense
O seu autor acaba de conseguir un galardón polo que competían 700 participantes
Di que o segredo está na calidade dos ingredientes, todos cen por cento galegos, desde a carne ata o queixo
Conseguir o premio á mellor hamburguesa de España non é froito da casualidade. Ata o máis mínimo detalle importa. Por exemplo, como cociñar a carne. Martín faino á brasa, nun Kamado cerámico.
Martín Fernández, premio á mellor hamburguesa de España: "Coma unha barbacoa de brasas, pero en versión reducida e pechada por cerámica, que aguanta máis o calor. A plancha eu creo que desmellora o sabor da carne. O sabor poténciao e é máis natural".
Pero a clave, segundo o chef, está na calidade do produto. O primeiro, a carne da propia hamburguesa. Esta é de bois, criados en Sarria. "Seleccionan as mellores partes, cando está óptimo para sacrificar, o que comen...", conta Martín.
O queixo vén dunha gandeiría de Monforte e a panceta, de porco celta, o mesmo que a marmelada que emprega para untar o pan. "So confitando a panceta e cebola, moito tempo, ata que o azucre da panceta sae a relucir", explica.
O resultado conquistou os padais do xurado, fronte a 700 competidores de toda España.
"Poñer Ourense nun mapa gastronómico nun momento en que a hamburguesa está no tope da publicidade e boom mundial", celebra Martín.
Un futuro prometedor para un chef de 29 anos que xa gañara o certame gourmet, en 2024.