Veciños do centro histórico de Santiago denuncian abandono tras o incendio nun edificio ocupado
Un home sen fogar, que no momento do suceso non estaba no interior, residía de forma habitual no inmoble
O incendio que afectou ao baixo do edificio situado no número 3 da Algalia de Abaixo, en pleno centro histórico de Santiago, non colleu por sorpresa os veciños. Hai varios inmobles abandonados que están ocupados e non é a primeira vez que arde algún deles. Neste caso por sorte non houbo danos persoais. Os veciños contan que estaba ocupado por un home sen fogar que non se atopaba no inmoble nese intre.
A convivencia cos ocupas no barrio xera controversia. Algúns non dan problemas, pero noutros casos din os veciños que venden droga en pequenas cantidades e xeran un ambiente inseguro.
O problema de fondo na opinión da maioría é a falta de vivenda. Non entenden que haxa edificios enteiros abandonados e ruinosos mentres o mercado inmobiliario residencial escasea e encarece. Por iso piden que as autoridades tomen medidas para evitar o progresivo abandono e deterioración desta zona do centro histórico de Compostela.