Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous incendios en menos de 24 horas alarman a veciñanza duns soportais da Coruña

Dous incendios en menos de 24 horas alarman a veciñanza duns soportais da Coruña

Arderon uns cartóns onde se refuxiaban para durmir dúas persoas, e logo un colchón que tamén servía de refuxio á porta dun garaxe

G24.gal 27/04/2026 14:15

Un pequeno incendio na avenida de Oza, á altura do número 46, mobilizou unha dotación de Bombeiros na Coruña. A alarma dérona os veciños ao sentir o cheiro a fume: o que ardía era unha caseta feita con cartóns, onde se refuxiaban para durmir dúas persoas en situación de vulnerabilidade. 

"Levaban varias semanas -explica un veciño-. Empezaron cuns cartóns pero despois fixeron tipo campamento, tiñan mobles recuperados da rúa, moitos cartóns, e aí pasaban a noite", di.

Din que non xeraban problemas, máis alá da falta de limpeza na zona. E do susto que levaron co incendio: foi á noitiña pero, por sorte, cren que non había ninguén aquí. Iso si, o lume deixou algún dano na clínica que está no baixo.

"Rebentou o cristal, queimouse o mural da parede, e saltaron algúns azulexos", explica Chelo, traballadora da clínica. Di que aínda se descoñecen as posibles causas dese lume. O caso é que, poucas horas despois, saltou a alarma por outro. Foi nun dos accesos ao garaxe, na praza interior da mesma urbanización. Cren que foi un colchón o que ardeu, tampouco se sabe como, así que algúns pensan se os dous sucesos estarán relacionados.

"Algúns veciños pensamos que foi intencionado, porque pode ser que eles provocaran o lume cunha cabicha, pero dous incendios no mesmo sitio en menos de 24 horas, é moi raro, máis que sospeitoso", explica Jorge, veciño da zona.

Outros desbotan esa posibilidade pero, en todo caso, piden axuda para solucionar estas incidencias na veciñanza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade