Un espectacular incendio nun edificio de Carballo obriga ao desaloxo dos veciños
Os residentes non poderán volver de momento as súas vivendas por precaución
Investíganse as causas do sinistro, que afectou o terceiro e cuarto andar
O edificio, situado na rúa Valle Inclán en pleno centro de Carballo, foi desaloxado por mor dun incendio nunha vivenda, do que aínda se investiga a orixe. As lapas tamén obrigaron a cortar o tráfico rodado na contorna. A rápida actuación dos equipos de extinción evitou que o lume se propagara.
Malia vivirse momentos de tensión, non quedou ninguén ferido. Algúns dos veciños sacaban na mañá deste xoves parte das súas pertenzas e aínda terán que agardar para poder volver aos seus domicilios.
O lume iniciouse nunha estancia do terceiro andar e provocou unha densa fumareda, como contaban algúns veciños este xoves:
"Estivo curtada a rúa ata as 5:30 da tarde. Estiveron emerxencias e bombeiros".
"Foi tremendo, si, vin as lapas".
"Moitísimo fume pero os bombeiros viñeron moi rápido".
Moitos curiosos achegáronse ata a rúa Valle Inclán para comprobar o estado en que quedou o edificio e comentaban a rápida actuación do servizos de emerxencias:
"Enseguida viñeron e curtaron as rúas. Foi todo moi rápido".
Os danos ocasionados no exterior son ben visibles, pero o terceiro andar, onde se iniciaba o lume e tamén o cuarto presentan varias estancias danadas, polo que este xoves todos os veciños abandonaban as vivendas ata que volvan estar habitables.
O incendio causou tamén importantes danos materiais na zona, a consecuencia dos restos caídos e que procedían do piso afectado. Por sorte, non resultou ninguén ferido e agora queda investigar as causas e a orixe deste lume.