Varios alcaldes entre os oito feridos nun accidente múltiple en Santiago de Compostela
Entre os feridos están o alcalde de Tui, a alcaldesa de Salvaterra de Miño e a alcaldesa do Rosal
A maioría xa recibiu a alta
Oito persoas resultaron feridas nun accidente múltiple con tres vehículos implicados en Santiago de Compostela. As oito tiveron que ser trasladadas ao Hospital Rosaleda para unha mellor avaliación, aínda que a maioría xa recibiu a alta.
Entre os feridos están o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel; e a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
Os rexedores viaxaban nun dos vehículos xunto a outros membros da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño cando regresaban dunha reunión.
Segundo informou o 112, o suceso tivo lugar esta tarde na AP-9, ao seu paso pola capital galega, e nel víronse implicados un camión, unha furgoneta e un turismo.
O servizo de emerxencias recibiu a primeira chamada de alerta ás 14.30 horas.
Ao lugar desprazáronse o 061, os Bombeiros de Santiago de Compostela, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e efectivos de Protección Civil.
Así mesmo, tamén foi alertado o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), por se fose necesaria a súa intervención.