Exteriores confirma que hai 5 españois mortos e 119 desaparecidos nun tremor que deixa xa 589 falecidos
Exteriores confirma que hai 5 españois mortos e 119 desaparecidos nun tremor que deixa xa 589 falecidos
"Constitúen a prioridade absoluta dos equipos de rescate desprazados a Venezuela nun avión do Exército", asegura o Ministerio de Exteriores
Abandona Venezuela o avión militar enviado con equipos de rescate, utilizado agora para repatriar a 59 españois, 11 portugueses e unha búlgara
O Goberno venezolano eleva a 589 os mortos e a ONU fala de 50.000 desaparecidos
Labores de rescate este venres tras os sismos de Venezuela
O último balance do Ministerio de Asuntos Exteriores de España coas vítimas españolas rexistradas no terremoto de Venezuela deixa xa cinco falecidos, pero eleva a 119 o número de españois desaparecidos, 14 deles localizados baixo os entullos.
"Constitúen a prioridade absoluta dos equipos de rescate desprazados a Venezuela nun avión do Exército", aseguran fontes de Exteriores.
Desde ese departamento reitérase aos españois que se atopen en Venezuela a necesidade de contactar cos servizos de emerxencia consular, cuxos números están nas redes da embaixada e do ministerio, así como na súa páxina web.
Pola súa banda, o ministro español de Exteriores, José Manuel Albares, informou na rede social X de que abandonou xa Venezuela o avión militar enviado con axuda e equipos de rescate, utilizado agora para repatriar a 59 españois, once portugueses e unha búlgara que voan cara a República Dominicana.
Segundo informou este venres o Ministerio de Exteriores, ía utilizar o voo de regreso para repatriar a un grupo de turistas que quedara bloqueado no país caribeño tras os dous potentes terremotos que sacudiron o país.
Ibertia suspende os voos ata o 1 de xullo
Iberia suspendeu os seus voos no aeroporto internacional de Maiquetía Simón Bolívar, o principal do país e máis próximo a Caracas, ata o 1 de xullo, mentres que Air Europa e Plus ultra cancelaron a súa operativa polo menos ata este domingo 28 de xuño, confirmaron as compañías.
As aeroliñas españolas Iberia e Air Europa explicaron que ofrecerán flexibilidade aos seus clientes para liquidar os posibles problemas ocasionados tras os terremotos que sacudiron o país, que provocaron polo menos 589 mortes, alén de 2.980 feridos.
A presidenta da Asociación de Liñas Aéreas en Venezuela (ALAV), Marisela De Loaiza, explicou este xoves que os aeroportos internacionais de Venezuela están operativos, fóra do de Maiquetía, que é o máis importante da zona.