O cónsul venezolano en Vigo fai un chamamento á calma e a Xunta non ten constancia de vítimas galegas
O cónsul venezolano en Vigo fai un chamamento á calma e a Xunta non ten constancia de vítimas galegas
Hai galegos cos que as familias non puideron contactar e "non saben cal é a situación", asegura o secretario xeral da Emigración
A comunidade venezolana segue con atención todas as noticias que chegan dende o seu país. Desde o consulado de Venezuela en Vigo, o cónsul Martín Pacheco fixo un chamamento á calma.
A comunidade venezolana é unha das máis numerosas en Galicia, polo que o que acontece no país caribeño se está a vivir con moita preocupación dende aquí, especialmente en comarcas como a de Celanova, onde teñen moita presenza. Calcúlase que son unhas 800 familias en toda a comarca.
Foron moitos os que viviron momentos de moita angustia ata contactar cos seus. Suspenderon a festa latina prevista para esta fin de semana e centrar os seus esfozos en apoiar e intentar axudar os afectados.
Familias que non conseguen contactar
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, indicou que, de momento, "non hai constancia" de vítimas galegas e na zona da Guaira, a máis afectada polos terremotos, "hai galegos" cos que as familias non puideron contactar e "non saben cal é a situación".
A comunidade galega residente en Venezuela, segundo os últimos datos do IGE, alcanza as 30.329 persoas.
Rodríguez Miranda indicou que ten constancia de que, na parte de Caracas, hai familias que tiveron "diferentes tipos de danos nas súas vivendas e negocios". "Na zona da Guaira é onde hai a maior ausencia de información", sinalou.
É precisamente nese estado onde "hai galegos" cos que as familias "non contactaron" e dos que "realmente non saben" cal é a súa situación ou se se trata dunha falta de comunicación, que "na maioría dos casos será así".
"Aí hai menos cantidade de galegos; é unha zona de gran implantación canaria, pero tamén é certo que si hai algunhas familias que viven aí. Entón, hai xente que está en Galicia e intentan contactar", detallou.
En canto á axuda no país, Rodríguez Miranda subliñou que os centros galegos, sumándose no seu conxunto a outros españois, estableceron unha rede para servir como lugar de recollida e provisión e, "se nalgún momento fose necesario acoller a algunha familia, poderían facelo".
Outra das situacións que están a detectar é que hai xente que, aínda que o edificio está en pé, "ten moito medo" a estar dentro debido a posibles réplicas do sismo.
Pola súa banda, a Xunta "está pendente" para ver "como poder actuar e axudar".
"Estamos en contacto cos centros e, polo seu posto, co consulado e a embaixada desde o primeiro momento", asegurou.