Fartos dos furtos no Barbanza; o último, nun alboio da Pobra
Nun alboio da Pobra levaron catro bicicletas, dúas rozadoiras e ferramenta, que puideron recuperar "por amigos"
Son reincidentes, xente que tanto anda á ameixa como colle o que pode para vender e cambiar por droga
"Roubaron catro bicicletas que había aí, dúas máquinas rozadoiras, catro motoserras, unha circular, caixa de ferramentas..., e fixeron estragos", detalla Martín Ribeiro, o último afectado polos roubos na Pobra.
Entráronlle nun alboio case ao pé da casa e arramplaron co que puideron.
"Por exemplo, este é o cadeado da bici boa que tiña, que como se pode ver, tiveron tempo a rompelo, como desfixeron un cento de cousas aí dentro. Levaron o que lles deu tempo. Se non levaríano todo", lamenta.
Certo que asi como llo levaron, tampouco tardaron en recuperalo.
"A bici máis cara, a do meu irmán, andaba nela quen a roubou e quitáronlla os municipales. Por medio de amigos, preguntei a quen llas poderían ir vender e atopei a un par deles que me chamaron para ilas recuperar. É unha vila moi pequena. É xente que tamén anda á ameixa", confesa Martín.
Sempre son os mesmos. Furtivos da ameixa e do alleo, que aproveitan cando venden polas portas para facer un dous por un.
"É xente da vila, que xa teñen unha idade, non son rapaciños, e toda a vida andiveron asi, a furtivear. Andan polas portas e aproveitan", coincide outro veciño.
Aproveitan cada oportunidade. Neste chalé, segunda residencia dunha familia de Santiago, levaron unha hidrolimpadora, que os donos esquecérana na horta cando foron preparar a casa para o verán.
"Van ao que lle aparece. Unha amiga deixou o coche diante da miña casa e de alí a unha hora saiu e tiña as ventás rotas, faltábanlle lentes de sol..., todo o que tiña dentro de utilidade", engade o mesmo home.
Os mesmos ou outros fixeron algo parecido en Boiro, na noite de San Xoán. Estragaron seis coches que estaban no aparcadoiro da Espiñeira.
"É un lugar apartado, só, propicio para quen quere facer algo malo porque non vai haber moitas testemuñas", explica unha muller que coñece ben a zona.
A Garda Civil está a revisar as cámaras de videovixilancia do polígono para identificar posibles movementos sospeitosos. Con todo, fontes policiais descartan alarma social e aseguran que o número de delitos baixou no que vai de ano.