Rueda presenta a estratexia para converter Galicia nun referente na biotecnoloxía
O presidente da Xunta defende que o sector xa está nunha posición destacada e que Galicia demostra que pode competir entre os mellores da industria
A estratexia contará cun orzamento de 805 millóns de euros
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este venres na Cidade da Cultura na presentación da Estratexia da Biotecnoloxía de Galicia 2026-2030, que contará cun orzamento de 805 millóns de euros (563 de investimento público e 242 privado). O xefe do Goberno galego di que o obxectivo deste plan é converter a nosa comunidade nunha "biorrexión aínda máis de referencia en Europa e no mundo".
A nova estratexia define catro sectores estratéxicos: recursos mariños e economía azul; saúde e farmacia; bioeconomía, ambiente e sustentabilidade forestal; e agroalimentación. En canto os obxectivos, propón nos próximos cinco anos incrementar nun 30 % a facturación do sector en Galicia ata os 2.650 millóns, unha meta de 200 empresas e chegar aos 7.000 empregos no sector.
No acto de presentación participaron científicos e representantes da industria, como a investigadora do CiMUS Yolanda Prezado; Sandra Rellán, directora de I+D de Anfaco; Daniel Sujo, director de enxeñaría da farmaceútica Lonza Porriño; e a CEO de ODS Protein, Iria Varela. Nas súas intervencións destacaron o salto que deu a biotecnoloxía galega nos últimos 20 anos e o seu potencial para seguir medrando.
O presidente da Xunta afirmou que a estratexia "non é un documento máis, se non unha visión compartida de país". Alfonso Rueda defendeu que o sector xa está nunha posición destacada e que Galicia demostra que pode competir entre os mellores da industria.