Deteñen en Nigrán un home e unha muller tras roubar xoias en dous establecementos
A parella entraba nos establecementos facéndose pasar por clientes, buscaban provocar confusión entre os empregados e aproveitaban descoidos para furtar as xoias
Axentes da Garda Civil detiveron en Nigrán un home e unha muller como presuntos autores de dous furtos en xoierias de Nigrán e Vigo.
Segundo informaron fontes da Comandancia de Pontevedra, un dos furtos produciuse o pasado 15 de xuño nun establecemento da Ramallosa, en Nigrán. Alí, os detidos entraron facéndose pasar por clientes, e comezaron a pedir á dependenta que lles mostrase numerosas xoias.
Así, percorreron a xoiería, cambiando continuamente de interese polas xoias que se lles ían mostrando, entrapallando á dependenta e logrando que en varias ocasións lles dese as costas. Dese modo, o home puido acceder a unha vitrina que estaba aberta e facerse cunha cadea de ouro valorada en máis de 2000 euros. Aos poucos minutos abandonan o establecemento, momento en que a dependenta se dá conta da subtracción.
Pasados uns días, pola mañá, os axentes que realizaran a investigación, ao pasar polo centro de Nigrán, na porta doutra xoiería, observaron como unha parella se dispoñía a acceder ao establecemento. Os axentes decatáronse de que se trataba dos sospeitosos do anterior furto, polo que pediron efectivos de reforzo e procederon á súa detención.
Entre as súas pertenzas e no vehículo que utilizaban, comisaron trece aneis de ouro e prata, varias pulseiras, colgantes, broches e dous reloxos de alta gama, todo totalmente novo.
Posteriormente, púidose seguir o rastro destas xoias e comprobar que parte delas procedían doutro furto nunha xoiería de Vigo, denunciado na Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Vigo. As dilixencias instruídas foron entregadas na Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo, Praza 6, en funcións de garda.