Un xabaril provoca un accidente na AP-9 en Bergondo que deixou cinco feridos e retencións
O sinistro produciuse por alcances en cadea logo de que o primeiro coche batera cun xabaril
Cinco persoas quedaron feridas á primeira hora da mañá deste venres en Bergondo nun accidente por alcance na AP-9F despois de que o primeiro coche chocara contra un xabaril.
Segundo informa o 112 Galicia, os feitos ocorreron á altura do quilómetro 2 da Autoestrada do Atlántico na súa conexión con Ferrol, ao seu paso pola parroquia de Guísamo, en Bergondo.
Os servizos de emerxencia tiveron constancia do sinistro contra as 07:40 horas, cando un particular chamou para informar de que un turismo atropelara un porco bravo.
Poucos minutos despois, a mesma persoa volveu chamar para indicar que un segundo coche batera contra o primeiro, polo que varias persoas estaban feridas.
Por iso, deuse aviso ao 061, aos Bombeiros de Betanzos e á Garda Civil de Tráfico. Cinco ocupantes tiveron que ser trasladados ao hospital para recibir atención sanitaria.
Pola súa banda, a Garda Civil informou doutros dous atropelos de xabarís na mañá deste venres na provincia da Coruña. O primeiro foi sobre as 06:30 horas na AC-164, tamén en Guísamo, e o segundo ao redor das 07:00 horas na AC-173, en Oleiros. En ambos os casos só se rexistraron danos materiais.
Por iso, ante unha situación similar, os expertos recomendan manter a calma.
"Baixar a velocidade, frear, mirar polo espello que non veña ninguén por detrás e botarse á beira. Iso se podemos anticiparnos, se vemos o xabaril de lonxe. Se o impacto é inminente, nunca temos que pegar un volantazo. Temos que frear moi forte e bater contra el. Non queda outra", explica Juan Carlos Iglesias Ferreiro, director dunha autoescola.
Soen ser animais de 100 ou 150 quilos, e os danos que deixan nos coches son abondosos. Pero, quen se fai cargo deles?
"Se nas doce horas anteriores houbo unha batida, faise cargo o couto de caza. Se o accidente é unha autoestrada, que ten que estar valada, e vemos que o xabaril introduciuse por un treito que estaba roto, faríanse cargo os que xestionan a vía", engade Iglesias.