Publicador de contidos

Publicador de contidos

Danos cuantiosos no incendio dunha carnicería de Ourense

Danos cuantiosos no incendio dunha carnicería de Ourense

Ardeu toda a maquinaria e estragáronse máis de dez toneladas de carne de vacún

O lume coincidiu coa treboada do domingo á tardiña

G24.gal 26/04/2026 20:55 Última actualización 27/04/2026 14:25

Tres mil quilos de carne fresca, arredor de mil conxelada e uns sete mil quilos envasados e listos para distribuír por carnicerías e restaurantes de toda Galicia. Esas son as perdas en mercadoría que deixou o incendio, ás que se suma outro diñeiral en maquinaria.

"Bombas de dobre baleiro, neveiras industriais, cámaras de fresco, desconxelación, despezamento..., motores para nove instalacións", enumera Roberto Vázquez, dono da carnicería.

O lume iniciouse na tardiña do domingo, coincidindo coa treboada. O propietario, que estaba fóra da cidade, recibiu a alerta da alarma polo móbil. Cando chegou, os bombeiros xa estaban actuando, pero non puideron salvar a maquinaria. A temperatura no interior superou os 200 graos.

"Unha parte quedou sen corriente, a outra funcionaba. O lume estaba focalizado na parte esquerda, pero a alarma empezou a fallar na dereita. Estendeuse tan rápido que nin bombeiros nin nada. O que se deu feito. Hai motores, aceites, bombas de baleiro... Tanta combustión, tanta calor que derreteu incluso as instalacións, baixou teitos..., explica Roberto.

Os veciños escoitaron dous tronos grandes momentos antes de ver o fume. Tamén atribúen á treboada a caída dunha árbore, na traseira do edificio.

"Caeu unha árbore, está partida, non sabemos se foi un raio ou o que. Comentouse que houbo unha tormenta moi forte e que se sentiron dous tronos moi fortes", sinala un veciño.

Todos os veciños do inmoble foron desaloxados durante a extinción. Algúns sufriron danos considerables polo fume nas vivendas.

O propietario da carnicería aventura que tardará meses en volver abrir, á vista dos danos que se produciron.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade