A alerxia ao pole, un factor de risco ao volante
Cómpren lentes polarizadas e evitar os antihistamínicos que produzan somnolencia, ademais de renovar o filtro de partículas
Co inverno chuvioso proliferou a vexetación, polo que esta primavera se dispararon os niveis de pole, e tamén os riscos que entraña a alerxia cando se está a conducir. Ter o nariz conxestionado ou os ollos lagrimexando pode comprometer a seguridade ao volante, ao igual que esbirrar de xeito continuo.
"Por cada esbirro, se imos a cen por hora, circulamos nese segundo 140 metros. E se esbirramos seguido, se cadra non somos conscientes de por onde circula o vehículo, polo que pode resultar moi perigoso se se ten alerxia", sinala David Gómez, profesor de autoescola.
Os antihistamínicos combaten os efectos da alerxia ao pole, pero ao mesmo tempo poden producir somnolencia e converterse, por tanto, nun factor de risco.
"Todos os antihistamínicos producen somnolencia, en maior ou en menor proporción. Nos de última xeración procuraron precisamente que non teñan ese efecto secundario tan pronunciado. E é importante consultarllo ao médico, para que indique o antihistamínico correspondente en relación á ocupación e ao organismo", explica a farmacéutica Carmen Lagares.
Ademais de consumir os fármacos axeitados, tamén é importante usar lentes polarizadas, renovar o filtro de aire, limpar o interior do vehículo e subir as xanelas para que non entre pole.
"O filtro EPA ou de partículas recomendan os fabricantes cambialo unha vez ao ano, por toda a cantidade de po que acumula, incluso insectos, que respiramos cando imos dentro do coche", advirte Roberto Lucas, xerente dun taller.
"E procurar leva lentes, que evitan que o pole entre no ollo, para poder así estar en mellor condicións para conducir", engade Lagares.
Atender a estas recomendacións básicas en caso de padecer alerxia pode marcar diferenza na estrada á hora de conducir de forma segura.