Critican o mal estado da Lagoa Massó en Cangas
Os propietarios nin limpan o predio nin sanean a auga
Veciños da vella baleeira de Cangas e cangueses en xeral critican a degradación da Lagoa Massó que reborda asolagando leiras próximas e está chea de mato. As árbores están en mal estado e mesmo caen sobre casas veciñas.Consideran que se está deixando abandonado a mantenta para poder edificar.
A lagoa de Massó construíuse para fornecer de auga doce o vello complexo fabril en que había baleeira, salgadura e mesmo vivendas para traballadores. Cando funcionaba a fábrica saneábase e baleirábase pero hai moitos anos que non se fai. Hai escasos meses valouse porque supuña un perigo para nenos e cans, peroa suciedade e a auga estancada non se retiraron.
A máis afectada a Fernanda que ten unha casa próxima. Fernanda vese na obriga de rozar ela mesma o predio, actuando en propiedade privada allea. O mal estado da finca mesmo provocou a caída dunha árbore sobre o seu tellado e que a botasen do seguro.
Na zona houbera un importante proxecto urbanístico con peirao deportivo privado incluído que non se puido facer pola forte contestación veciñal durante anos en Cangas. Fernanda considera que os propietarios seguen teimando en construír e non lles interesa limpar ou mellorar os viais; o que pretende é provocar que os poucos veciños da zona se vaian coa mínima compensación posible.