Publicador de contidos

Publicador de contidos

A asociación Amicos recupera e devolve ao mar corais que os pesqueiros atrapan accidentalmente

A asociación Amicos recupera e devolve ao mar corais que os pesqueiros atrapan accidentalmente

Teñen instalado un "hospital de corais" na lonxa de Ribeira

En 2025 devolveron arredor de mil corais ao mar, na ría de Arousa

Os corais rehabilítanse en acuarios na lonxa de Ribeira antes de volver botalos ao mar
G24.gal 24/02/2026 14:17

Son animais mariños moi delicados, e xeran ecosistemas interesantes para a pesca. Trátase dos corais, da especie dos cnidarios, animais "dos máis antigos do planeta", di Xoán España, director da asociación Amicos. "Son importantes porque forman estruturas que fan zonas de reserva e de posta de especies coma os chopos, ou os marraxos e outras quenllas", engade. 

Pola súa importancia, a asociación Amicos instalou en Ribeira un hospital de corais para rehabilitar os que capturan accidentalmente os pesqueiros. Colaboran cos mariñeiros que, se atopan corais no aparello, bótanos para un cubo con auga de mar e deposítanos nos acuarios habilitados na lonxa.

De nada serviría devolvelos directamente ao mar: para alimentarse e sobrevivir, os corais teñen que caer de pé. Diso encárganse cousa de cen usuarios da asociación. 

Recollen e preparan pedras que lles sirvan de soporte. En cada unha das ramificacións do coral viven moitos pólipos, os animais que o forman, así que os dividen para multiplicalos. Traballan sobre todo con dúas especies. "Leptogorgia lusitanica, que é a rosada; e a eunicella verrucosa, que é a branca. Unha vez tamén vimos a leptogornia viminalis, unha amarela", explica Thais Betanzos, alumna de Amicos.

Cravados na pedra, os corais mantéñense nos depósitos con auga do mar ata que chega o momento de devolvelos. Colaboran coa confraría de Aguiño para facelo. Teñen marcadas as soltas que fan, para ir repoboando por zonas. 

"A verdade é que a taxa de crecemento é bastante alta, e volve crear un individuo completamente formado a partir do pedazo dun anterior", di Lucía Jiménez, bióloga mariña e docente da asociación.

O proxecto de rehabilitación desenvólvese en Cataluña, Baleares e en Galicia (de aí o nome, CaBalGa). Aquí, no Parque Nacional das Illas Atlánticas, devolveron cousa de mil corais á auga neste primeiro ano de andaina. Fan mergullos periódicos para controlalos, e calculan que o 95 por cento sobreviviron. 

"É devolverlle ao mar o que nos achega. Dános peixe e pesca, e nós témolo que compensar con algo, neste caso con inclusión social e devolvéndolle o medio na medida do posible", conclúe Manuel Reiriz, presidente da agrupación de mariscadores de Carreira e Aguiño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade