O estado do mar complica a busca do narcosomerxible, xa sen droga
Suponse que o barco descargou a cocaína a unhas 200 millas da costa para o Salnés, posiblemente para Cambados
Descoñécese se o somerxible puido iniciar a viaxe de volta ou segue na ría
A falta de pistas do narcosomerxible...
"É difícil atopar algo porque as mareas estanse movendo, hai moito mar... isto é como un tronco aboiando pero que sobresae moi pouco", explica Pablo Méndez, xerente de Noroeste Sup a cargo do rescate.
Toca reconstruír a ruta do gasóleo. Foi unha empresa de Noia a que levou os bins ata o porto de Rianxo para cargalos no bateeiro, pouco antes das dúas da tarde. Pola hora, polo estado do mar, pola carga e tamén por quen ía a bordo, a manobra non pasou desapercibida.
"O gasóleo lévase nos tanques, non se leva enriba. Pouca frota está saíndo ao mar. Entón, que saia un bateeiro vello...", deixa entrever Antonio Manuel Otero, Vicepatrón primeiro da confraría do Grove.
Dous de Rianxo e un estranxeiro, supostamente dunha república báltica, no norte de Europa. Cos bins ocupando toda a cuberta, cousa pouco habitual, botaron ría abaixo.
"O normal é que seguisen a ruta que indica a frecha. Saíndo de Rianxo, foron cara a Vilanova, despois pasaron por debaixo da ponte da Toxa en dirección ao Grove. Aquí está a zona onde afundiron e a dous quilómetros a saída da ría", sinala nun mapa de navegación Méndez.
Tal e como está o mar nesta zona, sorte que bateron coa nesta batea, pero supostamente a intención era subministrar a un narcosomerxible para unha travesía longa. Barállase que para unha viaxe de volta ata O Brasil, de onde veñen a maioría destes artefactos. Descoñécese o punto de encontro pero moi lonxe non podía ser.
"Se van subministrarlle combustible e naufragaron, non teñen combustible. Daquela, non teñen moita marxe de manobra", aventura o xerente de Noroeste Sup.
Tampouco hai rastro da droga, aínda que, por experiencias previas, dáse por feito que se descargou a 200-300 millas da costa e que xa está no Salnés, posiblemente por Cambados. Son hipóteses de traballo, porque a investigación segue aberta e aínda está nos inicios.