A Semana Santa tampouco é allea aos cambios sociais e á igualdade de xénero
A presenza de mulleres nas confrarías é cada vez maior, pero seguen a ser minoría
Atrás quedan os tempos en que as mulleres non era admitidas nas distintas irmandades da Semana Santa. Ben o saben na confraría lucense do Desencravo, onde houbo que agardar ata finais dos anos 80 para que se tolerase a a presenza feminina entre os seus confrades, e ata os 90 para que lles permitisen a elas levar as andas.
"A xente miraba e sorprendíase por haber mulleres. E polas rúas ollaban os zapatos, cando nos tapabamos. Foi pouco a pouco, pero agora está superadísimo. Somos moi importantes, hoxe en día", sinala Reme Vázquez, tesoureira da Confraría do Desencravo de Lugo.
"Debería ser cada un pouco máis visible e haber máis equilibrio. Eu son portadora, estou no equipo directivo, onde tomo parte na toma de decisións e na organziacións vivindo a Semana Santa por dentro", manifesta Ángela Mourín, vogal na mesma confraría.
Na que é a confraría luguesa cunha maior presenza feminina, actualmente elas representan a metade dos seus 300 confrades. Pero tamén as hai formadas exclusivamente por mulleres, como é o caso da Irmandade da Santa Cruz de Viveiro, que conta cun milleiro de membros. Fundada nos anos 50, dende 2003 as súas integrantes participan como portadoras en diversos pasos.
"Aínda que a confraría e a procesión eran de mulleres, as andas levábanas homes. No 50 aniversario decidimos que toda a confraría se valese de mulleres, para portar as candeas, o estandarte ou as andas. E iso foi bo, porque non nos tiñan moito en conta, e hoxe admírannos moitos dos que pensaban que non iamos estar á altura", subliña Mari Carmen López 'Chipe', Irmá maior da Irmandade de Mulleres da Santa Cruz.
"É moi bonito que nosoutras sexamos portadoras. É a única confraría agora mesmo en Lugo onde as mulleres teñen un trono propio", afirma Cristina Domínguez, portadora da Confraría do Desencravo de Lugo.
E é que, por moi tradicional que sexa, a Semana Santa tampouco é allea aos cambios sociais e á igualdade de xénero.