Circulación densa pero sen retencións na operación retorno de tráfico en Galicia
O tráfico foi aumentando co avance da tarde, chegando a ser lento nalgúns puntos, aínda que fluído
Os puntos máis complicados foron os accesos as principais cidades galegas
Xornada de retorno das vacacións de Semana Santa coa circulación fluída e sen retencións na rede viaria galega.
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) contaba con acadar durante esta segunda fase de volta da etapa festiva cuns oitocentos mil desprazamentos, un pouco máis que o ano pasado. A mañá presentouse tranquila para os condutores.
Dende o Centro de Control de Tráfico do Noroeste xa tiñan previsto que a medida que avanzasen as horas, a situación podería complicarse, especialmente arredor das autovías e autoestradas que comunican as cidades principais de Galicia.
Á entrada da Coruña, na avenida de Afonso Molina, o tráfico xa era máis denso cara a tardiña. Unha situación similar rexistraba Vigo, no acceso da Autoestrada a altura de Puxeiros. Unha circulación densa tamén no enlace das autovías A-52 coa A-55 en Mos, pero sen chegarse a producir retencións.
Non hai que esquecer tampouco que esta era a primeira campaña de tráfico de Semana Santa coa obriga do uso da baliza luminosa xeolocalizada.
"A baliza téñoa preparada no coche pero de momento non fixo falla, e espero que non faga", confesa un condutor.
A DXT insiste extremar a precaución nos desprazamentos curtos e sobre todo os que se fan por estradas convencionais, que en Galicia rexistran a maioría dos accidentes mortais.
E de feito, durante a xornada producíronse catro accidentes con sete feridos salientables, un deles grave. Respetar os límites de velocidade, evitar o alcol e as distraccións son as recomendacións para garantir un retorno máis seguro.