Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous detidos en Burela por vender droga no local de lecer que rexentaban

Dous detidos en Burela por vender droga no local de lecer que rexentaban

Os arrestados, de 37 anos e nacionalidade caboverdiana, agochaban doses de cocaína preparadas para a súa venda 

Tamén estaban en posesión de armas brancas  

Imaxe cedida pola Garda Civil Imaxe cedida pola Garda Civil
G24.gal 30/03/2026 18:01

Axentes da Garda Civil de Lugo detiveron dúas persoas que rexentaban un local de lecer no municipio de Burela, despois dunha investigación realizada durante os últimos meses tras ter coñecemento da suposta venda de drogas “polo miúdo” nese establecemento da Mariña.

Segundo informou este martes a Comandancia de Lugo, nos últimos meses intensificáronse as pescudas e os investigadores encargados do caso obtiveron “indicios relevantes” sobre o suposto tráfico de drogas nese local.

Varias unidades da Garda Civil participaron no operativo 

Na madrugada deste domingo realizouse un operativo en que participaron varias unidades da Garda Civil, entre elas un guía canino cun can especializado na detección de drogas. Durante a inspección no local, foron detidos os dous responsables do mesmo, ambos de 37 anos e de nacionalidade caboverdiana.

No transcurso da operación, os axentes interviñeron varias doses de cocaína preparadas para a súa venda e ocultas na barra do establecemento. De feito, un dos detidos tratou de desfacerse delas no momento da intervención.

Os axentes tamén interviñeron diñeiro en efectivo e dous teléfonos móbiles e tramitaron oito denuncias administrativas por tenza de armas brancas, infraccións en materia de estranxeiría ou permitir fumar no interior do establecemento.

Ambos os detidos pasarán ao dispor do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Viveiro ao longo deste luns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade