Detidos dous mozos reincidentes de Carballo con ordes pendentes de ingreso en prisión
Os homes foron localizados na terraza dun establecemento hostaleiro de Padrón
Tiñan pendentes varias condenas de ata cinco anos de prisión
Imaxe cedida pola Garda Civil
Dous mozos reincidentes de Carballo, de 24 e 32 anos, con senllas ordes xudiciais de procura, detención e ingreso en prisión, foron detidos no municipio coruñés de Padrón.
A Garda Civil do posto de Carballo, en colaboración coa patrulla do posto de Rianxo, procedeu ás detencións o pasado 18 de xullo.
"Os implicados, coñecidos polas forzas de seguridade pola comisión de diversos ilícitos penais, atopábanse en paradoiro descoñecido e realizando manobras de evasión desde facía meses para dificultar a súa localización por parte das autoridades", explica a Garda Civil nun comunicado este sábado.
A detención produciuse despois de que os axentes tivesen coñecemento de que estes dous individuos se desprazaban as fins de semana entre Carballo e Padrón en motos de gran cilindrada para "eludir eventuais controis policiais".
Os homes foron localizados na terraza dun establecemento hostaleiro de Padrón, onde foron detidos sen que se producisen incidentes.
Os detidos, aos que lles constan condenas pendentes de ata cinco anos de prisión, foron postos ao dispor do Tribunal de Instancia de Padrón, que decretou os seus ingresos en centros penais.