As lapas avanzan en Castelló e obrigan a desaloxar dous concellos máis
O incendio forestal de Vall D´Uixó segue queimando hectáreas malia o esforzo dos 450 efectivos
Hai 18 municipios evacuados e 16.000 persoas desprazadas das súas casas
As condicións meteorolóxicas, con calor e vento, dificultan a actuación dos servizos de extinción
O incendio forestal en Vall d’Uixó, ao sur da provincia de Castelló, que se declarou o sábado e que afecta ao parque natural da Serra d’Espadá, continúa avanzando sen control.
Uns 450 operarios e unha vintena de medios aéreos tratan de loitar contra as lapas, que xa arrasaron 4.300 hectáreas e presentan un perímetro de corenta quilómetros.
"Nestes intres o incendio está fóra de control, a extinción é difícil e complicada pola situación meteorolóxica", indicou este mediodía o presidente da Generalitat, Juanfran Pérez Llorca.
A primeira hora do serán dous municipios tiveron que ser desaloxados pola proximidade das lapas. En total son xa dezaoito os termos municipais afectados.
Máis de 16.000 persoas tiveron que abandonar as súas casas e aínda que a maioría atopou acubillo en residencias alternativas, unhas 560 persoas permanecen aloxadas en polideportivos e dependencias municipais.
Este serán unha mensaxe do Es-alert instaba a confinarse aos veciños do municipio de Onda, polo que xa son tres os termos municipais confinados.
Ademais, 19 persoas tiveron que ser tratadas por inhalación de fume polo que o Centro Integrado de Coordinación Operacional decidiu que ningún veciño poida retornar as súas casas ata que melloren as condicións do incendio, aínda que as previsións non eran optimistas.
"Imos intentar cortalo o antes posible (o lume), pero non nos axuda a meteoroloxía de momento", puntualizaba o director técnico do posto de mando avanzado, Antonio Rodrigo.
As causas do lume permanecen baixo investigación aínda que varias autoridades xa avanzaron que as lapas non se orixinaron por causas naturais. Mentres, os equipos de extinción traballan para atopar unha fiestra de oportunidade e conseguir impedir o avance das lapas.