Un coche segue no lugar do sinistro despois de máis dunha semana do impacto
A estrada en que se atopa o vehículo é a DP-1909, de Carballo a Caión
Os veciños da zona tentaron sinalizar o perigo, xa que quita moita visibilidade no cruzamento
Hai algo máis dunha semana un coche saíu da vía en Carballo, sen feridos. O vehículo segue no lugar do sinistro, invadindo parte da estrada na parroquia de Noicela.
A estrada en que se atopa o vehículo é a DP-1909, de Carballo a Caión. En Noicela, seguramente cando o condutor tentaba coller cara á Laracha saíu da vía este coche. Un dos veciños que viu o accidente declarou que o condutor tras o impacto marchou andando, despois de coller unha bolsa no asento do acompañante.
Os veciños da zona tentaron sinalizar o perigo, porque pasaron os días e o vehículo non foi retirado. Ademais invade parte da estrada, e quita moita visibilidade no cruzamento.
Na Policía Local consta que o propietario do coche xa foi requirido para retiralo de aquí, pero, ao tratarse dunha vía interurbana, explican que o expediente é competencia da Garda Civil.