A UCO inspecciona o soto localizado na antiga casa do acusado da morte Esther López
A xuíza ordenou a busca de posibles restos biolóxicos no habitáculo descuberto polo novo dono da casa
O caso volve á fase de instrución cando xa estaba a piques de celebrarse o xuízo
Arredor das nove da mañá, no medio dunha grande expectación mediática, os axentes da UCO dispoñíanse a facer un novo rexistro na que fora a vivenda familiar do único investigado pola morte de Esther López. O acusado tivo que asistir unha vez máis ao rexistro deste lugar que xa fora inspeccionado hai catro anos cando desapareceu Esther, pero daquela non fixo constar que a vivenda tiña un soto oculto.
Foi agora o novo propietario da casa o que alertou a Garda civil de que había un espazo que non figuraba nos planos. Descubriuno cando se dispuña a facer unha reforma e deu cunha trapela de acceso debaixo das baldosas do chan dun dos cuartos.
O xulgado de Valladolid no que estaba a piques de celebrarse o xuízo por asasinato contra o único acusado, ordenou que se reabrise a investigación para determinar se nese soto hai restos biolóxicos relevantes para o caso.
A antiga casa familiar do acusado nunha urbanización de Traspinedo, Valladolid, na que se localizou o soto oculto
Podería ser o lugar no que estivo agochado o corpo de Esther desde o momento da súa desaparición en xaneiro de 2022 ata que foi localizado tres semanas despois na beira dunha estrada, supostamente vítima dun atropelo. A autopsia confirmou que había lesións coincidentes cun atropelo, pero que a vítima de 35 anos sobreviviría se fose debidamente atendida.
Con respecto ao soto, duns doce metros cadrados por dous e medio de alto, a defensa do acusado di que el non falou da súa existencia porque seu pai o selara había moito tempo porque metía humidade na casa.