O Goberno rexeita a obrigatoriedade do teletraballo como medida de aforro enerxético
A UE asegura que propoñerá o traballo a distancia, pero sen carácter obrigatorio
Foi unha medida eficaz en crises coma a da pandemia. Hoxe as empresas están preparadas para afrontar un modelo híbrido de teletraballo.
"Tes que reorganizar os procesos, ter sistemas para facer máis efectivo o teletraballo. Xa os temos implantados", explica Ángel Gandoy, Responsable da empresa Iberley.
A Unión Europea recolle esta medida no borrador para frear os efectos da guerra de Irán que se presentará a próxima semana aos líderes europeos. O Goberno rexeita que teña carácter obrigatorio.
"E unha ferramenta que se guía polo principio de voluntariedade. Non son partidaria de obrigar a ninguén a nada", rexeita a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz.
Bruxelas busca reducir os desprazamentos diarios e o aforro de combustible, pero xa matizou que non trasladará a recomendación con carácter obrigatorio.
"Nunca microxestionaremos os nosos cidadáns nin lles diremos como vivir as súas vidas", dixeron a EFE fontes comunitarias a propósito da comunicación que o vindeiro mércores presentará o Executivo comunitario, que en principio incluirá tamén suxestións para limitar viaxes de traballo non esenciais e fomentar o transporte público.
"Implica aforro de enerxía, climatización, gastos xerais de funcionamento e sobre todo combustibles para a automoción", di Félix Puyme, profesor titular da Facultade de Economía e Empresa da UDC.
Abaratar o transporte público ou pechar edificios públicos en determinados momentos están entre as medidas que tamén buscan chegar ás familias máis vulnerables con axudas específicas e reducións de impostos.
"Como medidas puntuais, de acordo. Como resposta xeral, claramente insuficientes. Como imposición, moi discutibles", valora María Bastida, profesora de Organización da Empresa da USC.
A alza dos combustibles supera o 50 % en tres semanas. Unha escalada que xa se está trasladando ao transporte aéreo. Compañías como Volotea comezaron a cobrar un suplemento en cada billete para compensar a suba.