Trump anuncia un alto o fogo en materia enerxética entre Rusia e Ucraína
O presidente dos EUA di que acordaron suspender os ataques contra infraestruturas de combustible
O magnate cargou contra Zelenski a conta dos bombardeos de Kíiv contra refinerías de gasóleo rusas
Unha refinería arde en Moscova tras un posible ataque ucraíno. REUTERS/Arquivo
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou este domingo que Rusia e Ucraína acordaron suspender os ataques contra as súas respectivas infraestruturas enerxéticas.
"Con efecto inmediato, establécese un cesamento do fogo en materia enerxética na guerra entre Rusia e Ucraína. Ambas as dúas partes deron o seu consentimento. Non o infrinxan!", escribe Trump nunha breve mensaxe na súa rede Truth Social.
O texto non engade máis detalles ao respecto e nin Moscova nin Kíiv se pronunciaron. A Casa Branca tampouco detallou se Trump falou por teléfono cos seus homólogos ruso e ucraíno, Vladímir Putin e Volodímir Zelenski, antes de facer o anuncio.
En todo caso, a comunicación chega un día despois de que o mandatario estadounidense cargara contra Zelenski por autorizar os repetidos ataques ucraínos das últimas semanas contra refinerías rusas.
Estes bombardeos contribuíron a unha maior escalada dos prezos do gasóleo, xa de seu afectados polo choque de oferta provocado pola guerra de Irán, debido ao peso que Rusia ten nas exportacións globais deste combustible.
Trump nunha imaxe de arquivo. REUTERS/Nathan Howard
A suba do gasóleo
O encarecemento dos hidrocarburos é un dos temas que máis preocupan a Washington ante a impopularidade de Trump e o Partido Republicano a menos dun mes das lexislativas, nas que se arrisca a perder a súa exigua maioría nas dúas cámaras do Congreso.
Para controlar a suba de prezos, o venres pasado Trump anunciou a autorización ata abril das operacións rusas con este combustible, sancionadas dende o inicio da invasión en 2022.
O propio Zelenski criticou a decisión e o magnate republicano acusouno de estar a crear "un problema mundial" que afecta a agricultores e gandeiros estadounidenses, ademais de rexeitar un acordo con Moscova en repetidas ocasións.
"Chegou o momento de que Ucraína teña un novo presidente", declarou este sábado nun encontro coa prensa.