Publicador de contidos

Publicador de contidos

Familias de toda España pasan a ponte reforestando un monte ardido en Carballeda de Avia

Familias de toda España pasan a ponte reforestando un monte ardido en Carballeda de Avia

A iniciativa partiu de Fernando, un veciño da aldea da Veiga

Familias enteiras adican estes días a limpar o monte e a plantar castiñeiros, 250 en total

G24.gal 07/12/2025 19:21 Última actualización 07/12/2025 19:47

Medio cento de persoas chegadas dende distintos puntos de España decidiron pasar esta ponte festiva reforestando un monte ardido este verán na aldea da Veiga, en Carballeda de Avia.

Foi todo iniciaitiva de Fernando, un veciño que se trasladou a vivir a aldea dos seus avós tras a pandemia e este mes de agosto o lume case bota por terra o seu proxecto de vida.

Tras o shcok inicial, Fernando Blanco decidiu facer un chamamento a través da súa rede de amigos para recuperar o monte queimado e evitar que volva arder. 

Recadaron fondos cos que mercaron 250 castiñeiros e outro material e trasladaronse esta ponte festiva, dende distintos puntos de España, para levar a cabo a reforestación.  

"Nós compramos unha casa aquí, para facer vida aquí e eu pensaba que se realmente chega a arder toda a zona de monte que eu vexo desde a miña ventá, o proxecto que teño de vida non tería sentido. Decidín facer un chamamento desesperado. Teño un grupo de amigos impresionantes que se organizaron para comprar castiñeiros", conta Fernando Blanco, promotor da reforestación do monte da Veiga.

Son medio cento de persoas, a maioría familias que poñen en valor a ensinanza que recibiron estes días os seus fillos: a solidariedade transformada nun traballo conxunto a prol da natureza. 

"Viñemos para axudar a reparar o monte e os nenos aprenden valores", comenta unha voluntaria.

" Preparo un proxecto para levar ao colexio. Que os meus nenos do sur vexan o que fixemos aquí. Os profes temos vacacións pero non só nos dedicamos a pasear. Os valores que aquí se transmiten son marabillosos", engade outra. 

Rozaron camiños para conseguir chegar ao monte e plantaron árbores autóctonas ao lóngo dun perímetro duns 1.400 metros. Un labor que queren continuar en vindeiras ocasións, conscientes de que aínda queda moito por facer.

"É un impacto para eles tremendo. E para mín foi unha das experiencias máis grandes da miña vida" di Fernando agradecido.  

"Quedou moi ben e xa nos plantexamos repetir todos os anos. Aínda queda moito por facer", conclúe outro voluntario. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade