Polo menos 14 nenos acabados de nacer morren nun incendio nun hospital de Paquistán
Segundo un comunicado do servizo de emerxencias paquistaní Rescue 112, o lume iniciouse tras a explosión dun compresor de aire acondicionado e os bombeiros xa puideron controlar as chamas
REUTERS
Polo menos 14 nenos acabaos de nacer morreron tras desatarse un incendio este mércores no hospital do Instituto de Ciencias Médicas de Paquistán (PIMS), en Islamabad, debido á explosión dun compresor de aire acondicionado.
O director executivo do PIMS, Imran Sikandar, dixo que "se confirmou a morte de 14" recentemente nados e un sobreviviu despois de ser rescatado por un médico.
Medios locais como Geo News informaran previamente de que polo menos quince bebés faleceran.
Sikandar engadiu que o lume se declarou na sala infantil ao redor das 7.00 da mañá hora local
Segundo un comunicado do servizo de emerxencias paquistaní Rescue 112, o lume iniciouse tras a explosión dun compresor de aire acondicionado e os bombeiros xa puideron controlar as chamas.
A Policía de Islamabad informou pola súa banda de que as familias, cuxos bebés faleceron no incendio atópanse no lugar da traxedia. Engadiu que a intensidade do incendio foi moi alta e que os bebés sufriron queimaduras graves, polo que se requiren probas de ADN para a súa identificación.
O primeiro ministro paquistaní Shehbaz Sharif expresou as súas condolencias polo suceso e urxiu a iniciar unha investigación, segundo un comunicado oficial.