Un terremoto de magnitude 3,0 sacode O Bierzo, no límite con Galicia
Algúns veciños notaron unha breve sacudida e movemento de obxectos no interior das súas vivendas
O terremoto non provocou danos materiais de consideración nin feridos
Arquivo
O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou este mércores un terremoto de magnitude 3,0 que se percibiu en diferentes puntos da comarca do Bierzo (León), zona limitrofe con Galicia, sen producir danos materiais nin feridos segundo as primeiras informacións.
Os datos publicados indican que o movemento sísmico SE produciu ás 17:31 horas e tivo unha profundidade de apenas un quilómetro, con epicentro ao noroeste de Balboa, un concello limítrofe co lugués de Pedrafita do Cebreiro e a uns 40 quilómetros de Ponferrada.
A escasa profundidade do sismo favoreceu que a vibración puidese sentirse en localidades próximas, onde algúns veciños notaron unha breve sacudida e movemento de obxectos no interior das súas vivendas.
O terremoto non provocou polo momento danos materiais de consideración nin feridos, de acordo coas primeiras informacións dispoñibles.
Non obstante, o episodio xerou certo temor entre algúns veciños que o percibiron, aínda que este tipo de movementos sísmicos de baixa magnitude non adoita ocasionar danos relevantes.
O Instituto Xeográfico Nacional mantén o seguimento da actividade sísmica na zona ante a posible aparición de réplicas.