Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha muller falecida e cinco feridos nun incendio en Palas de Rei que puido prender nos adornos de Nadal

Unha muller falecida e cinco feridos nun incendio en Palas de Rei que puido prender nos adornos de Nadal

Outras cinco persoas, entre elas un menor de dous anos, están hospitalizadas

O lume queimou o soportal da casa e os adornos de Nadal

TVG TVG
G24.gal 08/12/2025 08:12 Última actualización 08/12/2025 10:42

 

Unha muller de 51 anos faleceu e outras cinco persoas, entre elas un menor, tiveron que ser trasladadas ao hospital tras declararse un incendio a pasada madrugada nunha vivenda no municipio de Palas de Rei.

O 112 Galicia informou este luns de que o lume se produciu nun inmoble situado na Graña, na parroquia de San Xiao do Camiño, Palas de Rei.

Sobre as 6:15 horas, un dos afectados contactou co 112 para informar de que a súa casa estaba a arder e de que no interior permanecían varios membros da súa familia.

Alí trasladouse un operativo en que participaron as urxencias sanitarias, os Bombeiros de Chantada, o Grupo de Emerxencias Supramunicipais de Monterroso e a Garda Civil.

Á súa chegada, os axentes da Garda Civil advertiron que unha das persoas non lograra saír da vivenda.

Os bombeiros traballaron para apagar o lume, que se orixinou na parte baixa do inmoble e queimou o soportal de madeira e diversos adornos de Nadal, polo que se baralla se un curtocircuíto nos adornos puido provocar o incendio.

Finalmente, o persoal sanitario confirmou o falecemento dunha persoa, localizada nunha das habitacións.

A falecida é unha muller de 51 anos, informou posteriormente Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Outras cinco persoas -un home de 66 anos, tres mulleres de 27, 39 e 67 anos, e un menor- foron trasladadas ao Hospital Lucus Augusti de Lugo.

Ao lugar do sinistro trasladáronse tres ambulancias asistenciais e persoal sanitario do PAC de Palas de Rei.

TVG TVG
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade