Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un morto e unha ferida grave nun accidente na A-6 en Guitiriz con tres coches implicados

Un morto e unha ferida grave nun accidente na A-6 en Guitiriz con tres coches implicados

A vítima é un veciño de Lugo, de 57 anos, e a ferida grave é a súa nai

Outras dúas persoas quedaron feridas na colisión múltiple que se rexistrou na A-6

O sinistro produciuse por unha colisión por alcance entre dous vehículos e na que se viu afectado un terceiro turismo

G24.gal 01/03/2026 00:36 Última actualización 01/03/2026 19:01

Un veciño de Lugo, de 57 anos, faleceu e a súa nai resultou ferida grave nun accidente rexistrado na autovía A-6 ao seu paso por Guitiriz. O sinistro, unha colisión por alcance con tres vehículos implicados, produciuse arredor das 21:10 horas deste sábado no quilómetro 530 en sentido Madrid.

O falecido é o condutor dun dos turismos. No mesmo vehículo viaxaba a súa nai, que quedou ferida grave e foi trasladada en ambulancia ao Hospital Universitario Lucus Augusti tras ser excarcerada polos equipos de emerxencia.

O condutor doutro dos coches tamén foi evacuado a un centro sanitario, mentres que a conductora do terceiro vehiculo implicado, unha muller, foi atendida no lugar e non precisou traslado.

Foi un particular o que alertou aos servizos de emerxencia na noite de onte dun accidente grave e con persoas atrapadas na autovía A-6, a altura do concello lucense de Guitiriz. Aínda pendente da investigación policial, os primeiros indicios apuntan a que houbo unha colisión por alcance entre dous vehículos, e un terceiro que se viu implicado posteriormente.

"Un dos vehículos estaba como parado e non sabemos que pasou por detrás. Entón veu un segundo coche que bateu con el. Ese vehículo foi o que quedou como atravesado no medio,  e veu un terceiro turismo que foi o que provocou o impacto máis grave", afirma Alberto Fernández xefe de quenda dos bombeiros de Vilalba.

Ao lugar desprazáronse ademais dos equipos sanitarios, os bombeiros de Vilalba e os bombeiros do GES de Friol-Palas así como a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Guitiriz. O peor impacto levouno o vehículo no que viaxaba un veciño de Lugo de 57 anos e a súa nai. El morreu no lugar do accidente, a muller foi excarcerada e trasladada  ao Hospital Universitario de Lugo con feridas graves.

"Estaban os traballadores do 061 facendo unha reanimación ao piloto, á persoa falecida, e nós puxémonos a traballar no copiloto, que o sacamos fóra e enviámolo ao Hula. Non puideron facer nada polo condutor, pero o outro ocupante ao parecer está medianamente ben", asegura Alberto Fernández, dos bombeiros de Vilalba.

Os condutores dous outros dous coches presentaban feridas leves. Os axentes tiveron que habilitar un carril alternativo para proceder á retirada dos vehículos sinistrados.

Retirada dun dos vehículos implicados no accidente. O conductor está ingresado no HULA. Foto: Protección Civil de Guitiriz Retirada dun dos vehículos implicados no accidente. O conductor está ingresado no HULA. Foto: Protección Civil de Guitiriz
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade