Sortean un paseo en Ferrari entre Monforte e Sober
A experiencia ao volante dun coche de 500 cabalos figura entre os premios da campaña Rally do Comercio, xunto a 3.400 euros en compras
Ao volante dun espectacular bipraza, da marca do cabaliño rampante, poderá dar un paseo entre Monforte e Sober quen resulte gañador dun sorteo dentro da campaña Rally do Comercio, posta en marcha polos comerciantes monfortinos.
"Un dos nosos clientes vai ter a posibilidade de vivir a experiencia de conducir un Ferrari F430 F1, algo moi rechamante que non é moi habitual", destaca Ángel Folgueira, xerente do Centro Comercial Urbano de Monforte.
A experiencia de manexar un coche de 500 cabalos é a principal novidade da campaña, destinada a incentivar as compras no comercio local da vila, pero non é a única. Nesta cuarta edición repartiranse tamén 200 euros en catro vales, que se suman aos 3.200 do premio principal. Os gañadores poderán realizar compras de balde por ese importe, en tan só sete horas, a razón de 100 euros en cada un dos 32 locais participantes.
"Miran rápido o que hai, e se non, pois collen algo. Supoño que terán pensado que tipo de produto queren", comenta a comerciante Ana Balboa. "Dámoslles un pouco de prioridade. Se nese momento tes xente, pois sempre lles dás carácter proritario para que poidan comprar libremente un pouquiño máis sosegado. E no caso de que non lles valla o talle, sempre lles damos a posibilidade de cambiar, sen ningún problema", engade a tamén comerciante María Núñez.
"A verdade é que teñen que andar con certa axilidade para poder chegar a todos eles. Nas edicións anteriores, polos pelos, pero deron visitado todos. Por cada establecemento que non visitasen, perderían a posibilidade de gastar cen euros. Polo tanto, adoitan ter a súa estratexia xa moi ben definida na véspera", sinala Ángel Folgueira.
O sorteo, aberto a toda a clientela dos comercios participantes, sen importar a contía gastada, celebrarase no centro de Monforte a tarde do 23 de abril. Ao día seguinte, os agraciados poderán facer compras de balde por valor de miles de euros, e o 16 de maio é a data prevista para o paseo no emblemático deportivo italiano.